REPORTAJE - ACUICULTURA: Cara a unha acuicultura ecoeficiente

Martes, 5 Mayo, 2009
Excesivo consumo de enerxía eléctrica e de auga, elevada xeración de residuos e contaminación da auga e grave impacto sobre o medio e a paisaxe. Case nunca se recoñecen por parte das empresas produtoras pero estes son os principais problemas que presenta unha planta de acuicultura, instalación que vén demostrando no tempo o seu carácter depredador con respecto á contorna na que asenta.

Dada a importancia que presenta o sector acuícola en Galicia e, en pleno proceso de instalación de novas plantas en diferentes puntos do litoral, o Clúster de Acuicultura de Galicia (Cetga) co apoio técnico de Caixanova impulsan un modelo de piscifactoría eficiente e de baixo impacto ambiental. A iniciativa, que se acometerá na sede do Cetga, na localidade coruñesa de Ribeira, contempla a elaboración do tan imprescindible plan de melloras ambientais a medio e longo prazo que permita poñer en marcha unha planta ecoeficiente, centrada especialmente no ámbito dos consumos de recursos enerxéticos e naturais. Para iso, no marco do programa Becas Medio Ambiente Caixanova 2009 impulsado polo Instituto de Desenvolvemento Caixanova, analizaranse os procesos produtivos das plantas acuícolas en funcionamento e identificaranse os puntos críticos de ecoefiencia: aqueles que supoñen un 80% dos impactos ambientais e un 50% do gasto.

O protototipo de piscifactoría ecoficiente proxectada polo Cetga e Caixanova caracterízase por contar con tecnoloxías ambientais de produción máis eficientes e materiais de baixo consumo ambiental: máis limpos, renovables, con menor contido enerxético, reciclables e reciclados. Do mesmo xeito, o obxectivo é que a piscifactoría do futuro reduzan o uso de materiais na súa construción e, sobre todo, atallen un dos maiores problemas que presentan actualmente: a afección paisaxística.

A asistencia técnica de Caixanova terá, ademais, que reducir o consumo excesivo de enerxía eléctrica e de auga que rexistran unhas plantas que funcionan día e noite sen descanso. A elevada xeración de residuos, produtos químicos e envases, será outro dos retos desta iniciativa xa que, moitas das plantas actuais, carecen dun sistema de tratamento, polo que verten directamente ó mar. Evitar a contaminación das augas é, precisamente, unha das cuestións nas que os técnicos deberán empregarse a fondo. Segundo os datos achegados por Adega, as 27 piscifactorías presentes no litoral galego carecen de permiso de vertedura e as augas que botan directamente ó mar son 138 veces máis contaminantes que os mínimos legais permitidos.

A iniciativa enmárcase no proxecto impulsado polo Cetga "3E Acuic, Eco-innovación, Enerxía e Emprego para o sector acuícola", que busca non só conseguir a sustentabilidade do sector, senón tamén incrementar a cualifación dos traballadores e provedores tecnolóxicos.