AYUDAS PESCA y ACUICULTURA - ESPAÑA: Convocatoria del programa de subvenciones de fomento pesquero y acuícolapara el año 2008, dirigido a las cofradías de pescadores de la provincia de A Coruña

Jueves, 31 Enero, 2008
1.- FINALIDADE E OBXECTO.
 
A finalidade desta convocatoria é apoiar ás confrarías de pescadores da provincia, no sostemento do custo dos gastos derivados do desenvolvemento de determinados programas de fomento do sector pesqueiro, cos cales contribuír a que as mesmas acaden os obxectivos que lles son propios, conforme ao disposto na Lei 7/1985, de bases de réxime local, no Regulamento de servizos das corporacións locais e na Lei 5/1997, de administración local de Galicia, e con cargo ó Presuposto da Deputación para 2008, convócanse, para o período que vai comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2008, as subvencións que a continuación se detallan:
 
PROGRAMA
APLICACIÓN PRESUPOSTARIA
IMPORTE
Subv. para actividade xeral
0305/711.C/489.01
261.500 €
Subv. para infraestrutura e equipamento
0305/711.C/789.01
460.500 €
 
Máis concretamente, as axudas poderánse referir, entre outras, ás seguintes materias:
Subvencións para infraestruturas e equipamento:
 
1. Axudas á aplicación de novas técnicas e modernización do proceso produtivo e comercialización dos produtos do mar.
2. Axudas para o equipamento das lonxas nos aspectos técnicos-sanitarios do persoal manipulador instalación e utensilios de manexo. Así como para equipamentos de oficina das confrarías.
3. Axudas para equipamento e explotacións do frío industrial das confrarías e lonxas.
 
Subvencións para actividades:
 
1. Axudas para a realización de cursos do traballos que pertencen ao sector pesqueiro, marisqueiro e de cultivos mariños.
2. Axudas á investigación nos campos da acuicultura, contaminación do mar e outros que incidan na mellora de especies mariñas de interese comercial para Galicia.
3. Axudas para a vixilancia das autorizacións marisqueiras das confrarías.
 
As entidades subvencionadas, no mesmo exercicio, a través doutras convocatorias de subvencións tramitadas pola Deputación da Coruña non serán obxecto de axuda na presente convocatoria.
 
2.- SOLICITANTES.
 
Poderán optar ás axudas contidas na presente convocatoria as confrarías de pescadores da provincia da Coruña e mailas federacións provinciais de confrarías da Coruña que cumpran os seguintes requisitos:
 
1. Estar legalmente constituídas.
2. Carecer de fins de lucro.
3. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia ou sobre temas de interese para a provincia.
4. Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.
5. Estar ao día nas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Deputación.
 
No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables fíxase un período de destino dos bens para o fin concreto para o que se concedeu a subvención, que será dun mínimo de cinco anos.
 
Non poderán ser obxecto de axuda na presente convocatoria as entidades subvenciondas, no mesmo exercicio, a través doutras convocatorias de subvencións ou de planos provinciais da Deputación.
 
3.- CONDICIÓNS.
 
As entidades poderán solicitar un máximo de dúas subvencións, ámbalas dúas no mesmo programa ou no seu caso unha subvención para actividade xeral e outra para infraestrutura e equipamento.
No caso de solicitar dúas subvencións, deberá priorizarse entre elas.
A Deputación poderá conceder ata un máximo de 60.000.- euros polo total das dúas peticións.
Con carácter xeral o importe da subvención solicitada será entre o 20% e o 80% do presuposto estimativo de gastos.
 
4.- DOCUMENTACIÓN.
 
As solicitudes formularanse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro Xeral da Deputación, na Sección de Promoción Económica ou na páxina web de Deputación: www.dicoruna.es.
 
Achegarase tamén a seguinte documentación:
 
A.- Fotocopia compulsada da tarxeta do CIF da entidade e do NIF do representante.
B.- Fotocopia dos estatutos da entidade.
C.- Certificación orixinal dos datos bancarios da entidade, segundo o modelo aprobado pola Deputación.
D.- Certificación orixinal acreditativa do acordo no que se aproba a participación nestes programas e do nomeamento do representante para as súas relacións coa Deputación.
E.-Declaración de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
F.- Declaración orixinal do representante de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria, e de que se axustan á realidade os datos e os documentos achegados coa solicitude.
G.- Autorización para que a Deputación poida obter as certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social nas que se acredite que a entidade está ó corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigacións e ordenar o pagamento das subvencións. No caso de non dar esta autorización, deberá a entidade solicitante achegar dita acreditacion cos documentos xustificativos da subvención.
H.- Memoria explicativa da actividade ou investimento que se vai realizar, que fará mención ás persoas benefiadas directa ou indirectamente pola axuda e ó calendario fixado.
I.- Presuposto aproximado de gastos, que non poderá ser superior a 75.000.-€ entre as dúas peticións, e da previsión de ingresos correspondentes para ditos gastos.
J.- No caso de realización de obras: memoria ou proxecto do técnico competente.
K.- Acreditación, en caso de realización de obras ou investimentos, da titularidade da propiedade ou dereito real que obstente sobre o ben inmoble e identificación deste se é posible mediante a súa referencia catastral.
L.- Acompañarase así mesmo, o compromiso da entidade respecto do seguinte:
• No suposto de realización de obras, compromiso de solicitar a licencia e autorizacións correspondentes á inversión.
• A facer constar, en todo tipo de información que realice no desenvolvemento da actividade subvencionada, a colaboración prestada pola Deputación Provincial da Coruña.
• A solicitar, polo menos, tres ofertas de distintos proveedores no caso de que o gasto sexa superior a 30.000 € para realizar obras, ou superior a 12.000 € para a adquisición de equipamento ou prestación de servizos, nos termos do artigo 31.3 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.
LL.- Importe da subvención solicitada que non poderá superar ó 80% do presuposto calculado de gastos.
 
De conformidade co art. 35.f) da Lei 30/1992, se os documentos solicitados nos apartados A, B, e C, anteriores están en poder da Deputación, o solicitante non terá que remitilos outra vez, pero terá que sinalar a data e a dependencia na que se presentaran anteriormente.
 
A documentación que se entregue en fotocopia ha de vir compulsada.
 
O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base 4 deberase solucionar no prazo de dez días dende a recepción do requirimento.
 
5.- LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.
 
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, nos rexistros municipais dos concellos que teñen asinado convenio para este fin coa Deputación da Coruña (pode verse a relación de concellos con convenio na páxina web www.dicoruna.es) ou en calquera outros rexistros públicos aos que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
 
Co fin de incentivar a utilización de medios electrónicos e no marco dos principios da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, se recomenda presentar a solicitude de xeito telemático a través da páxina web da Deputación da Coruña www.dicoruna.es, producíndose neste caso os seguintes efectos:
 
a) Solicitantes que dispoñan de sinatura electrónica: a presentación telemática producirá plenos efectos xurídicos, sempre que a solicitude se envíe dentro de prazo.
b) Solicitantes que non dispoñan de sinatura electrónica: poderán cubrir e cursar de xeito telemático a súa solicitude, aínda que para que a presentación produza efectos xurídicos será necesaria a súa impresión, sinatura e posterior presentación en soporte papel dentro do prazo que se indica seguidamente e nun dos rexistros públicos aos que se refire o apartado 1.
 
No caso de presentación de xeito telemático, a través da páxina web da Deputación, a documentación complementaria a achegar poderá ser enviada por correo ou por calquera outro medio que deixe constancia do envío. En calquera caso, rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Deputación requerirá de oficio a documentación á que se refire o apartado 4.1, a non ser que xa se dispoña da mesma.
 
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte á publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 29 de febreiro de 2008. No caso de presentación telemática con sinatura electrónica, o envío poderá realizarse en calquera momento antes das 00.00 horas do día 1 de marzo de 2008.
 
A pesar do anterior, ó longo do exercicio presupostario poderán presentarse solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais, non puideran presentarse no prazo sinalado no parágrafo anterior; esta circunstancia deberá motivarse adecuadamente, e o importe total das concesións por cada partida presupostaria non poderá superar o 10% do importe total da súa consignación.
 
Estas peticións tramítanse de acordo coas presentes bases, agás o cumprimento do prazo.
 
6.- RESOLUCIÓN DOS PROGRAMAS.
 
A concesión das subvencións realizarase, mediante un réxime de concorrencia competitiva, por resolución da Presidencia, a proposta motivada da Comisión Avaliadora e requirirá informe do Servizo de Fomento, no que se reflicta que da información que consta no seu poder, derívase que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.
 
A comisión avaliadora estará composta polos seguintes membros:
 
Presidente: Deputado - presidente da Comisión de Promoción Económica, Emprego e Turismo.
Vocais: Tres Deputados/as designados/as polo Presidente da Deputación.
 
Na comisión actuará como secretario/a, sen voto, un funcionario do Servizo de Fomento.
 
6.1.- Valoración das solicitudes.-
 
A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades e investimentos que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:
 
Interese das actividades ou investimentos: ata 20 puntos, dos que 10 como mínimo concederanse en función da prioridade sinalada polo solicitante na petición.
Número de beneficiados directa ou indirectamente polas actividades ou investimentos: ata 10 puntos.
 
Coeficiente de financiamento derivado da solicitude: ata 35 puntos.
 
Adecuación das actividades ou investimentos que se van realizar ó interese provincial e o emprego da lingua galega na realización das actividades ou condutas polas que se solicita a axuda: ata 35 puntos.
 
6.2.- Notificación e publicidade da resolución.
 
A resolución de concesión deberase notificar expresamente a tódolos solicitantes de forma fidedigna entre o primeiro trimestre e o terceiro de cada ano, publicarase no Boletín Oficial da Provincia as subvencións concedidas no exercicio anterior.
Contra o rexeitamento expreso ou presunto das solicitudes presentadas poderán formularse os recursos que procedan.
 
6.3.- Reformulación de solicitudes.
 
Unha vez notificada a resolución de concesión,a reformulación de solicitudes a que se refiere o artículo 27 da Lei Xeral de Subvencións e o artículo 61 do seu reglamento de desarrollo, será automática, de tal modo que si o importe da subvención otorgada e inferior o solicitado polo beneficiario, o presuposto subvencionado que debe ser obxecto de xustificación posterior determinarase dividindo a coantía da subvención otorgada polo coeficiente de financiación proposto polo beneficiario na sua solicitude.
 
Modificación de concepto.
 
Unha vez notificada a resolución de concesión, despois de solicitude razoada do beneficiario da subvención, poderá autorizarse a reformulación da solicitude inicial, mediante o cambio conceptos concretos que se detallan na memoria ou presuposto da solicitude, sempre que se manteña a finalidade da subvención.
Esta solicitude deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución da Presidencia, despois da proposta previa da Comisión Avaliadora que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:
 
* Se o presuposto da nova actividade ou investimento é superior ou igual ó presuposto subvencionado inicial, manteranse as mesmas condicións da subvención concedida: coeficiente de financiamento, importe da subvención e presuposto subvencionado.
 
* Se o presuposto da nova actividade ou investimento é inferior ó presuposto subvencionado inicial, a Comisión Avaliadora, logo do informe previo do Servizo de Fomento, deberá determinar o novo coeficiente de financiamento, o novo importe da subvención e o novo presuposto subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente estabelecidos.
 
7.- XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO.
 
7.1.- Prazo de xustificación.-
 
O prazo para a xustificación das subvencións finalizará o día 31 de xullo de 2009, se ben antes de finalizar o prazo, poderá ampliarse, conforme ao previsto no artigo 49 da Lei 30/92, por solicitude do interesado ou por proposta razoada da unidade xestora.
 
Se non se presenta a xustificación dentro de prazo (inicial ou prorrogado), requerirase ao beneficiario para a súa presentación (art.70 do Regulamento de subvencións). A falta de presentación no prazo de 15 días dende o requerimento, dará lugar a que por resolución da Presidencia se inicie expediente de anulación do correspondente compromiso. A resolución final notificaráselle á entidade e á Intervención provincial para o seu reflexo contable.
 
En calquera caso, salvo o disposto no parágrafo anterior, a data límite para a xustificación non poderá exceder da fixada nas bases de execución do presuposto xeral da Deputación da Coruña para o exercicio 2008.
 
7.2.- Consideracións xerais.-
 
7.2.1.- As subvencións aboaranse despois da xustificación dos gastos.
 
7.2.2.- Para os efectos de xustificación das subvencións, defínese o coeficiente de financiamento como o cociente entre o importe da subvención solicitada e o importe do presuposto estimativo de gastos.
 
A aplicación deste coeficiente ó importe da subvención concedida dará lugar ó presuposto subvencionado que será o que se teña que xustificar para cobrar a subvención; é dicir:
 
Importe subvención concedida
Presuposto subvencionado = –––––––––––––––––––––––––––
Cf
 
No caso de ter outras subvencións para o mesmo obxecto que, en concorrencia coa subvención da Deputación, teñan un importe superior á cantidade resultante do cálculo anterior, o presuposto subvencionado será a suma das subvencións.
 
O gasto xustificado documentalmente deberá acadar polo menos, o importe do presuposto subvencionado.
 
7.2.3.- O importe das subvencións concedidas, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras Administracións públicas ou entidades privadas, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.
 
7.2.4.- Para o cobro da subvención as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Deputación da Coruña (art. 170.2, Lei 39/1988, reguladora das facendas locais), situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Recadación.
Así mesmo, as entidades deberán acreditar que están ó corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
As certificacións acreditativas desta situación poderán ser solicitadas pola Deputación no caso de ter autorización outorgada pola entidade..
 
7.2.5.- Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións doutras administracións públicas ou entidades privadas, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
 
7.2.6.- O beneficiario deberá someterse aos procedementos de control ou auditoría que se realicen pola Intervención provincial, polos seus propios medios ou a través de empresas colaboradoras, e tamén, na condición de contadante, aos procedementos de control que poida realizar o Consello de contas de Galicia, o Tribunal de contas ou calquera outro órgano de control interno ou externo, nacional ou europeo. E como resultado de ditos procedementos, poderá esixirse responsabilidade administrativa, consonte ao previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no seu caso, responsabilidade penal, de conformidade co Código Penal.
 
7.3.- Documentación xustificativa.-
 
Para o cobro da subvención as entidades deberán presentar unha CONTA XUSTIFICATIVA SIMPLIFICADA, mediante a aportación da documentación que, a continuación, se sinala:
 
A.- Unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
No caso de subvencións que teñan por finalide a realización de proxectos que xeren gastos de investimento a memoria deberá reflectir expresamente os seguintes termos: obtención de licenzas preceptiva, publicidade do financiamento provincial (cartel informativo ou placa conmemorativa), e cumprimento de normas contractuais. No suposto de suministro de bens de equipo ou de prestación de servizos por empresas de consultoría ou de asistencia técnica, se o gastos subvencionable supera a contía de 12.000 euros ou de 30.000 euros no caso de obras, deberá acreditar á solicitude dos tres presupostos establecidos no art. 31.3 da Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
B.- Unha relación clasificada dos gastos e investimentos realizados, asinada polo secretario da entidade e co visto e prace do seu presidente, con identificación dos acreedores (nome ou razón social, apelidos e NIF), dos conceptos de gasto (número de factura ou documento equivalente, importe e data de emisión) e, no seu caso, data e medio de pago. Dito pago, que se poderá realizar tanto antes como despois do cobro da subvención, deberá quedar acreditado documentalmente mediante a utilización de transferencia bancaria, tarxetas de débito ou crédito, cheque nominativo ou calquera outro que deixe constancia da data de pago e da identidade do preceptor. Só excepcionalmente se poderá realizar o pago en metálico en importes de escasa contía (ata 150 €) nos que non resulte posible a utilización dun dos medios anteriormente indicados.
C.- Unha certificación expedida polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente, na que se faga constar que o gasto foi reflectida, na forma preceptiva, no libro de contabilidade da entidade, segundo o disposto no art. 14.1 da Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
D.- Unha relación detallada das subvencións ou axudas obtidas doutas Administracións públicas ou entidades privadas para o mesmo obxecto, con indicación do seu importe ou procedencia, ou, pola contra, declaración de non ter outras subvencións públicas ou privadas para o mesmo obxecto.
 
A Deputación da Coruña, aleatoriamente, comprobará os xustificantes que estime oportunos, e que permitan obter unha evidencia razoable sobor da axeitada aplicación da subvención, para o que poderá requerir á entidade a remisión dos xustificantes dos gastos seleccionados.
 
Nos casos en que sexa de aplicación, a entidade deberá acreditar o cumprimento das obrigas sinaladas no art. 31.3 da Lei Xeral de Subvencións.
Así mesmo, no caso de concorrencia de subvencións públicas que se atopen xustificadas, poderá achegarse certificación da Administración concedente, na que se detallen os conceptos subvencionados e os importes xustificados e período ó que se refiren os gastos.
 
Co obxecto de facilitar o control financieiro posterior, os beneficiarios deberán realizar o pago por un medio no que quede acreditado documentalmente a súa data e a identidade do preceptor (transferencia bancaria, tarxetas de débito ou crédito, cheque nominativo, etc.). Só excepcionalmente se poderá realizar o pago en metálico en importes de escasa contía (ata 150 €) nos que non resulte posible a utilización dun dos medios anteriormente indicados.
 
Así mesmo, os beneficiarios das subvencións teñen a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de catro anos, en tanto que poden ser obxeto das correspondentes actividades de control pola Deputación.
 
Para os beneficiarios aos que non lle resulta de aplicación obrigatoria o Plan de contas adaptado ás entidades non lucrativas (R.D. 776/1998, do 30 de abril), abondará con que leven os seguintes Libros e rexistros:
• Libro diario de ingresos e gastos, no que se reflicten por orde cronolóxica tódolos ingresos e gastos e que deberá estar debidamente conciliado cos movementos realizados a través das contas bancarias. Dito Libro deberá estar dilixenciado polo presidente, polo secretario e polo tesoureiro da entidade.
• Liquidación anual de ingresos e gastos, que deberá resultar dos movementos producidos no Libro anterior e na que quedará constancia da súa aprobación pola Asamblea de socios.
• Libro de Inventarios, no que se reflicten axeitadamente tódolos bens e dereitos da entidade, así como as súas altas e baixas, e que tamén deberá ser diligenciado polo presidente, secretario e tesoureiro.
 
7.4.- Tramitación da xustificación
 
Para os efectos de xustificar os gastos e coa finalidade de excepcionar o art. 31.2 da Lei Lxeral de Subvencións, entenderase que o gasto está realizado coa aportación da documentación sinalada na base 7.3 anterior
 
Á vista da documentación xustificativa presentada e despois dos informes da Sección de Promoción Económica e do Servizo de Fiscalización, o órgano competente valorará o cumprimento das actividades ou investimentos subvencionados e se a documentación é correcta, procederase ó pago da subvención.
No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección.
 
Para a valoración do cumprimento da finalidade básica da subvención e pago dela, terase en conta o seguinte:
 
No caso de que se xustifique gasto polo 100 % do presuposto subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.
 
No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100% e, polo menos do 50% do presuposto subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención, mediante aplicación do coeficiente de financiación ao importe total dos gastos acreditados..
 
No caso de que se xustifique gasto inferior ó 50% do presuposto subvencionado , non se considerará cumprida a finalidade básica da subvención, polo que non se aboará cantidade ningunha, sin perxuicio da aplicacion do réxime sancionador correspondente.
 
O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade.
 
8.-Rexime sancionador:
 
Será de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, coas especificacións indicadas na súa disposición adicional décimo cuarta.
Na determinación de sancións no caso de comisión de falta leve prevista no art. 56 de dita lei, aplicarase a multa fixada no art. 59 en contía comprendida entre 75 e 6000 euros.
 
No caso de incumprimento dos prazos de xustificación si o retraso no cumprimento do prazo de xustificación non excede dun mes, a sanción prevista na lei imporase no seu grao mínimo e será do 10% do importe da subvención outorgada co límite de 75 euros. Se excedese dun mes e non chegase a tres , a sanción imporase no seu grao medio e será do 20% do importe da subvención outorgada co límite de 400 euros. E si a extemporaneidade da xustificación excedese de tres meses, a sanción imporase no seu grao máximo que suporá o 30% do importe da subvención sin que poida superar o importe total de 900 euros. O incumprimento reiterado, polo mesmo beneficiario, en distintas convocatorias nos prazos de xustificación implicará que se apliquen as sancións antes expostas elevando nun grao a que proceda.
 
Disposición adicional primeira
 
Con carácter xeral admitiranse fotocopias sempre que veñan compulsadas:
- Diante de notario.
- Polo Rexistro Xeral da Deputación da Coruña.
- Polo órgano administrativo que teña no seu poder os documentos orixinais..
- Polos organismos públicos a que se refire o artigo 38.5 en relación co artígo 38.4 da Lei 30/92 do 26.11.1992 BOE nº 285 do 27.11.1992).
 
Coa finalidade de dar cumprimento ó disposto no art. 30.3 da lei 38/2003 xeral de subvencións, de 28 de novembro, no caso de presentar fotocopias, antes de facer a fotocopia deberá extenderse no orixinal da factura unha dilixencia na que se faga constar que a factura foi utilizada como xustificante de gastos para obtención dunha subvención da Deputación da Coruña.
 
Disposición adicional segunda
 
Para o non previsto nesta convocatoria, en especial todo aquelo que fai referencia á posibilidade de levar a cabo un control financieiro no ano seguinte das subvencións xustificadas e pagadas, serán de aplicación as normas incluídas nas Bases de execución do presuposto xeral da Deputación da Coruña para o exercicio de 2008, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007 xeral de subvencións de Galicia.
 
Disposición adicional terceira.
 
Os datos da subvención concedida quedarán incorporados ao Rexistro público de subvencións, tendo dereito os interesados á protección dos datos de carácter persoal, nos termos previstos na Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
 
En ningún caso a presente convocatoria xerará dereito algún a favor dos solicitantes mentres tanto non se den as condicións presupostarias, procedimentais e xurídicas de aplicación.
 
A Coruña,28 de xaneiro de 2008.
O presidente,
Salvador Fernández Moreda.
O secretario,
José Luis Almau Supervía
 
Para más información, pinchar aquí.