ACUICULTURA - ESPAÑA: A realidade da acuicultura industrial: STOLT solicita permiso de vertido... 20 anos despois

Lunes, 16 Junio, 2008

E a maioría das instalacións acuícolas na costa están nunha situación similar. Como é posíbel que malia a esta situación irregular e ilegal, Medio Ambiente lle dé o visto bó á construcción doutras 27 macroplantas por toda a costa que van multiplicar os vertidos e a contaminación das nosas millores augas costeiras?

ALEGACIÓNS DE ADEGA AO PERMISO DE VERTIDO DE STOLT

1.- Os datos de calidades dos efluíntes da empresa Stolt Sea Farm S.A. producidos na piscifactoría de Lira (Concello de Carnota) foron realizados pola propia empresa como se recolle nos documentos enviados polo laboratorio no que se indica o seguinte: “A mostra foi facilitada polo propio cliente. A análise só da fé da mostra recibida”. Os resultados das análises que presenta a empresa (nos que se aduce unha calidade da auga similar á do medio receptor) entran en clara contradicción coas observacións que se poden realizar no punto de vertido desta piscifactoría. Neste punto pódese observar unha inxente cantidade de muxos (Mugil cephalus e especies similares) e gaivotas de distintas especies que constitúen un bioindicador que amosa a existencia de grandes cantidades de materia orgánica disolta na auga do efluínte e sólidos en suspensión. As características da auga do eluínte, a elevada turbidez e mal olor tamén corroboran a existencia de contaminación orgánica.
ADEGA encargou análises comparativas independentes dos vertidos destas instalacións (piscifatoría de Stolt sea Farm en Quilmas, Carnota) ao departamento de Enxeñería Química da Universidade da Coruña, cos seguinte resultados: Análises de dúas mostras de auga de mar entregadas por ADEGA e obtidas nos puntos de toma de auga e de vertido dunha instalación de acuicultura (as análsies realizaronse por duplicado, agás pH, e de seguido indícase o valor promedio seguido da desviación estandard).

RESULTADOS (media ± DS) Toma Vertido

pH 8,19 5,74
SST (mg/L) 350 ± 3 4850 ± 135
SSV (mg/L) 80 ± 2 3730 ± 108
NTK (mg/L) 1,33 ± 0,34 433,14 ± 13,45
DQO (mg/L) 102 ± 48 8635 ± 239
%SSV/SST 22,9 76,9
DBO (mg/l) 13 ± 4 3466 ± 230
[N-NH3] (mg/l) 0,10 ± 0,01 4,28 ± 0,13
[PO43-] (mg/l) 0,00 28,0 ± 3,9
Interpretación: SST: sólidos en suspensión totais SSV: sólidos en suspensión voláteis (materia orgánica en suspensión) DQO: demanda química de oxíxeno ( materia orgánica total) DBO: demanda biolóxica de oxíxeno ( materia orgánica biodegradábel, consumo de osíxeno na súa degradación) NTK: nitróxeno total (nitróxeno Kjeldhal total) N-NH3: Amoníaco PO43-: Fosfatos
Dr. Manuel Soto Castiñeira, Prof. de Enxeñería Química da Universidade da Coruña. A Coruña, maio de 2007

Estes datos son coherentes coa actividade de engorde de peixes planos que se desenvolve en Stolt Sea Farm S.A namentras que a que presenta a empresa resulta incoherente xa que non existe un tratamento das augas residuais industrais que eliminen os restos de pienso nin os excrementos dos rodaballos. ADEGA entende que os datos de concentracións do efluínte poderían estar convintemente diluídos pola empresa para obter uns mellores resultados, xa que, estas plantas teñen a capacidade de incrementar o volume do efluínte cando son tomadas estas mostras por parte da empresa.
ADEGA solicita que se corroboren estas análises mediante mostras realizadas pola administración e sen que a empresa estea sobre aviso para que non se podan activar os mecanismos de dilución e sexan propias dunha actividade normal.

2.- A materia orgánica non é o único contaminante presente nas augas de saída desta piscifactoría senón que tamén son utilidados produtos químicos desinfectantes para a limpeza dos tanques de engorde de rodaballo. Este feito denunciado repetidas veces por ADEGA aparece corroborado na Memoria Ambiental do Plano de Acuicultura que foi emitido pola Conselleria de Medio Ambiente en maio deste ano na súa páxina 8 do seguinte xeito: “Polo que se refire aos residuos, como resultado do proceso de producción xéranse fundamentalmente residuos orgánicos pero tamén se producen outros non orgánicos.”

3.- Se as augas presentan unhas condicións tan estupendas como indican as súas análises debe esixirse á empresa que recircule a auga que utiliza tal e como aponta a propia Memoria Ambiental do Plano de Acuicultura e que foi remitido á Consellería de Pesca por medio Ambiente en maio deste ano. Así, este informe indica: “O Plan de Acuicultura está baseado nun tipo de explotación intensiva de circuito aberto. Non obstante, no ano 2002, a través da Estratexia para o Desenvolvemento Sostible da Acuicultura, a Comisión Europea establecía o seguinte para a acuicultura en terra: Os sistemas de circulación de auga en circuito pechado deben perfeccionarse coa fin de reducir a demanda de auga e poder trasladar as explotacións a zonas con menor valor paisaxístico.”

4.-ADEGA ten coñecemento mediante o testemuño de traballadores de plantas desta empresa da existencia de tratamentos preventivos das enfermidades dos peixes que consisten na mistura de determinadas cantidades de antibióticos co pienso de alimentación. Entre os antibióticos utilizados algúns son tamén usados polo ser humano: este uso preventivo debe ser comprobado mediante inspeccións sorpresa destes feitos xa que resulta moi pernicioso para a efectividade a medio e longo prazo destes antibióticos pola creación de resistencias por parte dos microorganismos patóxenos. Os residuos destes antibióticos son verquidos directamente ao mar sen que haxa ningún tipo de tratamento e poden ser absorbidos polas especies detrictívoras que se alimentan nos puntos de verquido.

5.- Con respecto ao Plano de Vixilancia Ambiental e en coerencia co anteriormente exposto, solicitamos a inclusión da medición de parámetros de contaminación microbiolóxica como: coliformes totais, coliformes totais e outros. Estes parámetros son indicadores da presenza de contaminación na zona debido a que o efluínte ten unha carga importante de excrementos dos peixes planos.

6.- Con respecto ao volume do vertido, para considerar os efectos ambientais dun vertido con matéria orgánica disolta hai que ter en conta, a parte da concentración á que se emite, o volume total deste. Os ecosistemas naturais teñen unha determinada capacidade de absorción da carga contaminante. Un vertido á mesma concentración non ten os mesmos efectos ambientais cando se trata de 10 litros de augas que cando se trata de millóns de metros cúbicos anuais. Debe limitarse esta carga contaminante por baixo da formación de efectos adversos no ecosistema habida conta que no caso das piscifactoría de Quilmas e Lira trátase de augas protexidas pola Rede Natura 2000 que emana da Directiva 92/43CE ou Directiva Hábitat.

7.- A planta de Stolt Sea Farm S.A situadas en Lira e Quilmas (Concello de Carnota) están funcionando dende hai aproximadamente 20 anos. Cabe preguntarse como é que non dispón de autorización de vertido definitivo xa que este é preceptivo para o outorgamento da licenza municipal tal e como recolle o Texto Refundido da Lei de Augas 1/2001. A presentación desta solicitude de autorización de verquido non exime das sancións que deben ser impostas por carecer da autorización de vertido definitiva.