ACUICULTURA - ESPAÑA: O Centro Tecnolóxico do Mar acolleu un seminario sobre planificación e impacto ambiental da acuicultura mariña

Miércoles, 15 Julio, 2009
O Centro Tecnolóxico do Mar acolleu durante dous días un seminario sobre planificación, programas de control e avaliación do impacto ambiental para a acuicultura mariña que, organizado pola FAO e pola Fundación CETMAR, reuniu na súa sede en Vigo a expertos e a representantes da administración de diferentes países do Mediterráneo. 

Dende onte luns e ao longo do día de hoxe desenvolvéronse diferentes relatorios sobre planificación da acuicultura; avaliación do impacto ambiental e seguimento da acuicultura en Galicia e en países mediterráneos; procedementos de outorgamento de licencias na comunidade autónoma galega ou criterios de selección de emprazamento de actividades de acuicultura. 

No seminario participaron expertos e representantes da administración e de centros de investigación de países como Croacia, Albania, Grecia, Turquía, Marrocos e Italia, ademais de Andalucía, Comunidade Valenciana e Galicia, como foi o caso de Fernando Otero Lourido, representante da Asociación de Produtores de Rodaballo de Galicia –AROGA-. Otero Lourido expuxo o exemplo galego en temas de planificación. Tamén tomaron parte neste encontro membros da Secretaría General del Mar, como foi o caso do director general de Ordenación Pesquera, Ignacio Gandarias, quen inaugurou o evento xunto ao director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar, Pablo Fernández Asensio, e á directora do CETMAR, Paloma Rueda Crespo. 

O seminario serviu así para analizar a normativa e o procedemento para a posta en marcha de granxas acuícolas nos diferentes países do Mediterráneo e para consensuar as mellores prácticas neses procesos, todo elo no marco do proxecto ShocMed, no que participa o CETMAR desenvolvendo unha análise comparada do marco normativo no Mediterráneo. O devandito proxecto ten como obxectivos a elaboración de criterios para reforzar a integración da acuicultura na Xestión Integral das Zonas Costeiras (ICZM),  mediante a mellora na selección de localizacións e o establecemento de puntos de referencia para determinar a capacidade de carga das instalacións de acuicultura. Isto proporcionará, así mesmo, unha base para a harmonización de estándares así como para a adecuación de marcos normativos e políticas públicas de acuicultura no Mediterráneo que garantan a competitividade en igualdade de condicións e minimicen o impacto medioambiental da actividade. 

Despois de dous días de intenso debate, os asistentes ao seminario acordaron manter novas reunións co obxectivo de avanzar no deseño de parámetros comúns no ámbito da acuicultura no Mediterráneo.