ACUICULTURA - ESPAÑA: Expertos internacionais en cultivos de peixes aportan o seu coñecemento no Curso de Cooperación ao Desenvolvemento e Acuicultura que se imparte no IGAFA

Miércoles, 19 Noviembre, 2008
Expertos internacionais en cultivos de peixes deron a coñecer o seu saber e experiencias aos alumnos que participan no Curso de Cooperación ao Desenvolvemento e Acuicultura, que se está a impartir no Instituto Galego de Formación en Acuicultura, ubicado na Illa de Arousa. Ao longo deste mes de novembro, especialistas das universidades de Honduras e Bélxica, así como da FAO impartiron clases maxistrais no marco desta acción formativa.

En concreto, o pasado día 6 de novembro, o profesor Daniel Meyer, director da Oficina de Programas Internacionais da Escuela Agrícola Panamericana “Zamorano” de Honduras, ofreceu unha ponencia sobre o cultivo de tilapia en Centroamérica. Así mesmo, esta mesma semana a profesora Doris Soto, técnico da FAO e responsable da área de Manexo para Acuicultura e Pesquerías de Augas Continentais, impartiu dúas clases sobre o cultivo mariño e a pesca artesanal no mundo en desenvolvemento e sobre a acuicultura responsable e o enfoque ecosistémico.

Hoxe mesmo, o profesor Patrick Sorgeloos, director do laboratorio de Artemia Reference Center da Universidade de Gante (Bélxica), abordou cos participantes todo o relacionado co cultivo de peixes mariños e crustáceos en países en desenvolvemento.

O obxectivo principal do curso que se imparte no Igafa é formar a especialistas para participar en proxectos que contribúan ao progreso da acuicultura en países en vías de crecemento, mediante unha docencia teórico-práctica baseada, entre outros, na formulación de proxectos e a realización de prácticas nalgún plan real de cooperación sobre o propio terreo.

Programa desta acción formativa

O Curso de Cooperación ao Desenvolvemento e Acuicultura estrutúrase en catro módulos que buscan acadar unha formación integral do alumnado, ao tempo que contempla a formación adicional a través das clases maxistrais impartidas por expertos internacionais.

En canto aos módulos, o primeiro deles, que xa se deu por finalizado, abordou “A Cooperación Internacional e o Desenvolvemento (CID): Conceptos e Teorías”, no que se tentou ofrecer aos estudantes unha visión sobre o enfoque de cooperación e o desenvolvemento de proxectos acuícolas a levar a cabo en terceiros países, co que se pretende asegurar a sustentabilidade das accións propostas nos mesmos.

O segundo apartado do curso, que se está a desenvolver agora mesmo, trata sobre a “Acuicultura e o Desenvolvemento”. Con él, búscase, a través da análise da situación actual nos países terceiros, a mellor maneira de implantar as técnicas de cultivo como unha opción axeitada para mellorar a sustentabilidade técnica e económica desas zonas.

A seguinte parte, “Proxectos de Cooperación Internacional: ”, está dirixida á xestión de proxectos que teñen como finalidade o crecemento social e económico e rexerase polo estudo de casos específicos e reais. Finalmente, o cuarto módulo, que se impartirá en paralelo co anterior, consistirá na elaboración dun proxecto final no que o alumno terá que formular un programa de acuicultura baixo un enfoque de cooperación ao desenvolvemento na área xeográfica que seleccione.

A duración total deste curso, no que participan unha vintena de alumnos, é de 290 horas, repartidas entre os catro módulos citados. Deste xeito, o primeiro tivo unha duración de 60 horas lectivas; o segundo terá unha duración de 120 horas; o terceiro de 20 horas; e, finalmente, o proxecto final, desenvolverase en 90 horas. Está previsto que esta acción formativa remate o vindeiro mes de decembro, en concreto o día 12.

Pode consultar na seguinte ligazón unha imaxe da ponencia que impartiu o profesor Patrick Sorgeloos, director do laboratorio de Artemia Reference Center da Universidade de Gante (Bélxica), sobre o cultivo de peixes mariños e crustáceos en países en desenvolvemento, esta mañá no Igafa.